Protexe a liberdade de expresión e permite unha comunicación global segura a través dunha tecnoloxía de privacidade de código aberto.
Co noso produto estrela, Signal Messenger, cremos que defender a privacidade dos usuarios significa manter a túa información fóra do alcance de calquera, nós incluídos, en lugar de manexar «responsablemente» os teus datos.
Como membro comprometido da comunidade de código aberto, publicamos as nosas tecnoloxías e compartimos o noso coñecemento para animar a outras empresas a que as implementen nos seus produtos e servizos.
Signal Foundation é unha organización sen ánimo de lucro 501c3 establecida nos Estados Unidos. Estamos orgullosos da nosa denominación e queremos demostrar que unha organización sen ánimo de lucro pode innovar e medrar tanto coma calquera negocio impulsado polos beneficios.
A Fundación Signal formouse en 2018 para apoiar a Signal Messenger, que se creou en 2012. A través desta Fundación, puidemos fomentar o crecemento de Signal e promover as súas operacións en funcionamento, ademais de investigar sobre o futuro da comunicación privada.
Signal é unha organización sen ánimo de lucro que non conta con anunciantes nin investidores. Só dependemos de persoas coma ti, que empregan e valoran a nosa aplicación.
Creamos a Signal Foundation como matriz de Signal Messenger para, nun futuro, poder aspirar a promover outros proxectos de protección da privacidade que loiten pola mesma causa.
Dependemos do apoio da comunidade para ofrecer Signal Messenger como aplicación gratuíta a millóns de persoas en todo o mundo. Úneste á causa?
Amba Kak é unha avogada e experta en políticas tecnolóxicas. Conta cunha década de experiencia transnacional asesorando os organismos reguladores, os diferentes sectores industriais, as organizacións civís e as entidades filantrópicas. Actualmente, é a directora executiva do AI Now Institute, unha organización de Nova York líder en investigacións, e é membro de alto grado no Cybersecurity and Privacy Institute da Universidade Northeastern.
Amba traballou como asesora principal na Comisión Federal do Comercio dos Estados Unidos, onde aconsellou ás autoridades sobre os problemas tecnolóxicos emerxentes. Antes de traballar no AI Now, Amba era a asesora de políticas globais de Mozilla, onde desenvolvía e refinaba a postura das organizacións sobre cuestións como as leis de privacidade de datos e a neutralidade da rede na rexión Asia-Pacífico e máis aló. Agora forma parte do comité da xunta directiva da Fundación Mozilla. Amba recibiu o seu título de Licenciada en Dereito e Letras (con Honores) pola Universidade Nacional de Ciencias Xurídicas da India. Ademais, ten un Posgrado en Dereito (BCL) e un Mestrado (MS) en Ciencias Sociais de Internet na Universidade de Oxford, que cursou como bolseira Rhodes.
Brian Acton é un emprendedor e programador informático que cofundou a aplicación de mensaxería WhatsApp en 2009. Despois de que esta aplicación se vendera a Facebook en 2014, Acton decidiu deixar a compañía por mor das diferenzas que causou o uso dos datos dos usuarios e a manobra de publicidade dirixida para así centrar todos os seus esforzos en crear empresas sen ánimo de lucro. En febreiro de 2018, Acton investiu 50 millóns de dólares do seu propio diñeiro para comezar a Signal Foundation, xunto con Moxie Marlinspike. A Signal Foundation é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a realizar as labores fundamentais para facer que a comunicación privada sexa accesible, segura e omnipresente.
Antes de fundar WhatsApp e a Signal Foundation, Acton traballou como creador de software durante máis de 25 anos en compañías como Apple, Yahoo e Adobe.
Jay é un creador de produtos cunha ampla experiencia en roles de liderado como sénior en produtos e enxeñería no sector da tecnoloxía de consumo. Recentemente, foi o director xeneral de consumo e produto en Twitter, liderando os departamentos de enxeñería, produto, deseño, investigación e análise de datos. Antes de formar parte de Twitter, Jay traballaba en Facebook, onde liderou o desenvolvemento do asistente de IA de Reality Labs, para logo pasar a liderar os equipos de privacidade, integridade e sistemas para Messenger e Instagram Direct. Jay foi o vicepresidente sénior de produto e director de operacións de Mozilla, onde liderou os maiores avances de Firefox durante o seu ascenso. Foi tamén o principal propagador desta plataforma web e fiel defensor de darlles ás persoas máis control e máis opcións na rede.
Jay tamén fundou empresas, e pasou a maioría dos seus primeiros anos como enxeñeiro de software e xerente de enxeñería en Firefly Network (logo adquirido por Microsoft) e Oracle.
Jay ten unha Licenciatura en Ciencias (BS) en Matemáticas aplicadas pola Universidade de Yale, ademais de ser o co-inventor de varias patentes nos Estados Unidos.
Katherine Maher é a antiga CEO e directora executiva da Fundación Wikimedia, responsable da Wikipedia. Actualmente é membro de alto grado non permanente do Atlantic Council, onde se centra na intercesión da tecnoloxía, os dereitos humanos e a democracia. Antes de traballar en Wikipedia, foi a directora da defensa na organización de dereitos dixitais Access Now. Maher é membro do Consello de Relacións Exteriores, foi elixida Young Global Leader no Foro Económico Mundial e é socia do Truman National Security Project. Ademais, forma parte da xunta directiva do Center for Technology and Democracy, do Consumer Reports, da Biblioteca Dixital Pública dos Estados Unidos, do Adventure Scientists e de System.com, alén de ser fideicomisaria da Universidade Americana de Beirut. É un membro designado polo Departamento de Asuntos Externos dos Estados Unidos, onde aconsella ao Secretario de Estado sobre políticas tecnolóxicas. Licenciouse en Estudos Islámicos do Oriente Medio en 2005 na Universidade de Artes e Ciencias de Nova York, despois de estudar no Arabic Language Institute da Universidade Americana do Cairo (Exipto) e no Institut français d'études arabes de Damas (L'IFEAD) en Damasco (Siria).
Meredith Whittaker é a presidenta de Signal e membro da Xunta directiva da Signal Foundation.
Ten máis de 17 anos de experiencia no campo da tecnoloxía, tanto na industria tecnolóxica coma no mundo académico e no goberno. Antes de formar parte de Signal como presidenta, foi profesora de investigación do Centro Minderoo na Universidade de Nova York (NYU), e actuou como directora da facultade do AI Now Institute, que tamén cofundou. A súa investigación e traballo académico axudaron a dar forma á política sobre a intelixencia artificial (IA) e a cambiar a percepción do público sobre a IA para poder recoñecer de maneira más eficiente as prácticas de vixilancia das empresas e a concentración dos recursos industrias que necesita a IA moderna. Antes de traballar na NYU, traballou en Google durante máis dunha década, onde dirixiu os equipos de produto e enxeñería. Fundou o grupo Open Research de Google, e tamén cofundou M-LAB, unha plataforma de medición de redes espallada globalmente que proporciona a maior fonte de información de libre acceso do mundo sobre o rendemento de Internet. Ademais, axudou na organización de Google. Foi unha das principais responsables que loitaban contra a resposta insuficiente da compañía ante as preocupacións sobre a IA e os seus posibles danos, alén de ser unha das organizadoras do Google Walkout. Asesorou á Casa Branca, á FCC, á Cidade de Nova York, ao Parlamento Europeo e a outros moitos gobernos e organizacións non gobernamentais sobre a privacidade, a seguridade, a intelixencia artificial, a política interna e a medición. Recentemente, acabou o seu período de asesora sénior en IA na Comisión Federal de Comercio dos EE. UU.
Moxie Marlinspike é o fundador de Signal.